Notas de prensa

30 anos de audiovisual galego, en Pontevedra

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.

Coa participación, entre outros, do director Alfonso Zarauza e do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Ãlvaro P. Becerra, estas xornadas formativas permitiron ao alumnado de Comunicación Audiovisual afondar nos inicios da produción independente na comunidade, para logo debater sobre os grandes fitos acadados polo cinema galego e a importancia da internacionalización e, finalmente, pór o foco no “gran momento creativo que atravesa o sector, no que as mulleres teñen unha importancia capital”, como sinalaron desde esta asociación.

“Facer cinema en Galicia era un soño”

Baixo o título de 30 anos de Agapi. 30 anos de produción independente galega, a xornada arrancou co relatorio Como chegamos aquí. Os inicios do audiovisual galego, de Alfonso Zarauza, quen abordou a súa propia traxectoria como cineasta, “moi ligada”, lembrou, a da propia Agapi. Recoñecido ao longo da súa carreira profesional con varios premios Mestre Mateo, como os nove acadados en 2021 pola longametraxe Ons, Zarauza realizou a súa primeira curtametraxe en 1994, o ano de creación da asociación, nun momento no que “facer cinema en Galicia era como un soño”. Nese senso, lembrou que en 1989 realizáronse as tres primeiras longametraxes galegas, Urxa, Continental e Sempre Xonxa, pero “eran longametraxes feitas enteiramente con equipo técnico traído de fóra”, posto que “non había xente preparada para facer cine en Galicia”. Foi a partir de 1994, explicou, cando comezaron a establecerse as “bases” do futuro sector, coa nacemento das primeiras asociacións, dos centros formativos ou coa realización, en 1996, da primeira serie de televisión producida en Galicia.

Nese senso, Zarauza sinalou “dous grandes períodos” na evolución do audiovisual galego, un primeiro que abrangue desde aqueles primeiros anos ata a crise de 2008 e un segundo que vai desde comezos do século XXI ata a actualidade. A primeira etapa, sinalou, caracterizouse por proxectos “producidos minoritariamente por produtoras galegas” e por un “tipo de cine que quedou borrado doa crise”. Pola contra, “a partir de 2005, co bipartito, cambian as tornas e xéranse unhas novas dinámicas que enxendran o que temos agora”, sostivo o cineasta, que cualificou esta segunda etapa como “moito máis frutífera”, na que “hai moito tipo de producións e na que madurou realmente o sector audiovisual galego”.

Da profesionalización do sector ao momento presente

Promovidas co apoio da Deputación da Coruña, estas xornadas formativas, que Agapi desenvolve nas tres universidades galegas, continuaron cunha mesa de debate sobre o proceso de profesionalización do sector, na que interviñeron o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Ãlvaro P. Becerra, e Víctor Sierra, da Asociación Galega de Guionistas. Baixo o título de Mulleres directoras: voces necesarias, o terceiro faladoiro contou coa participación da cineasta e profesora da Facultade de Belas Artes Xisela Franco e da directora Anxos Fazáns, egresada da Facultade de Comunicación. Finalmente, a xornada pechouse ollando cara o futuro e afondando nas “novas produtoras e modelos de produción”, nun coloquio con Ãlvaro Liste, de Serea Films, e Alberto Díaz, de Mordisco Films.

Universidade de Vigo, 2024-04-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES