Noticias

A Semana Santa consolida a crecente mellora da rendibilidade hoteleira, que medrou un 15% en marzo

O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Rexistrou preto de 305.000 viaxeiros que se aloxaron en hoteis e pensións e que fixeron algo máis de 562.000 noites. Con estas cifras, Galicia rexistra tres anos consecutivos de crecemento da demanda neste terceiro mes do ano.

A comunidade galega colócase nunha posición relativamente alta no ranking de crecemento, cun dos máis importantes de todas as comunidades autónomas. De feito, cun incremento do 22% en demanda hoteleira, mellora en tres puntos a media do conxunto de España. En termos de volume, sitúase en marzo na oitava posición, por detrás de Canarias, Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, Baleares e Castela e León. É tamén o primeiro destino do norte peninsular.

O 78% das noites hoteleiras corresponden ao turismo de ámbito nacional, polo que practicamente unha de cada dúas noites nos hoteis e pensións de Galicia corresponderon aos españois que veñen de fóra da comunidade. O mercado interno, dos residentes en Galicia, absorbe o 30% mentres que o 22% restante corresponde ao turismo internacional.

R., 2024-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES