Noticias

Galicia solicitará o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa tralo aval do Tribunal Constitucional

A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

A representante do Executivo galego destacou que a resolución xudicial deixa claro que o recurso do Goberno central contra a lei foi máis político que xurídico e que a paralización da normativa responde á diferenza de trato con outras comunidades. De feito, lembrou que a Galicia non se lle deu opción a negociar mentres que a Cataluña e a Baleares se lle recoñeceron como constitucionais os artigos recorridos na lei galega.

Neste sentido, Ángeles Vázquez censurou a actuación do Executivo central dando privilexios a unhas comunidades sobre outras -cando deberían ser todas iguais ante a lei- e a inquedanza innecesaria que xeraron as súas decisións no conxunto da cadea mar-industria e de toda a cidadanía.

“Unha pena que se tivese que chegar a este extremo e que quedara tan de manifesto esa diferenza de trato con outras comunidades”, aseverou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, que asegurou que a Xunta vai seguir traballando na defensa dos intereses de Galicia, máis aló de intereses partidistas, como fixo desde o principio.

Neste sentido, incidiu en que o Executivo galego non mudou de posición en ningún momento, cousa que si fixeron os socialistas galegos, que inicialmente apoiaban a lei e despois se abstiveron na votación.

Seguridade xurídica

A responsable autonómica felicitouse por unha resolución do Tribunal Constitucional que é unha gran nova para Galicia e para todos os galegos ao dar garantías ás arredor de 1,5 millóns de persoas que viven no litoral e ás empresas que desenvolven a súa actividade económica nel. Supón avalar a xestión por parte da comunidade dos seus máis de 2.500 quilómetros de costa e dar seguridade xurídica a un complexo mar-industria que dá emprego a arredor de 40.000 persoas e xera unha actividade económica de 9.000 millóns de euros anuais, preto do 5% do PIB de Galicia.

Ángeles Vázquez tamén salientou que a sentenza xudicial certifica que, como defendeu Galicia, a lei non vai contra ninguén, defende os intereses lexítimos de Galicia no marco das competencias que lle atribúe o Estatuto de Autonomía desde unha tripla perspectiva ambiental, social e económica.

R., 2024-04-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) A Xunta pon en marcha a Rede local polo clima para consolidar Galicia como unha comunidade resiliente tras reducir as súas emisións nun 60% desde 1990, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a xornada de presentación desta iniciativa. A conselleira salientou que 'somos a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (33%) desde 1990 e a segunda no que se refire ás brutas (59,8%)'.
Foto de la tercera plana (20240515-uvigo.jpg) Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.

Notas

Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo), Plataforma. Festival de artes performativas celebrará a súa quinta edición en múltiples localizacións de Santiago de Compostela entre o 16 e o 25 deste mes de maio. Trátase dunha cita anual ineludible para os amantes da cultura e as artes, achegando diversos públicos coa súa proposta interdisciplinar.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra están a desenvolver a quinta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o labor investigador que se leva a cabo en Galicia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES