Noticias

A Cidade da Cultura reúne representantes dunha vintena de linguas minoritarias para traballar na promoción da diversidade lingüística en Europa

A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.

Para rematar o día, as persoas asistentes trasladaranse ata o centro da cidade, onde poderán desfrutar dun roteiro polos lugares máis emblemáticos desta que concluirá cunha visita ao Concello de Santiago.

As tecnoloxías da linguaxe nos ámbitos social e económico

Xa mañá terá lugar a conferencia anual da NPLD titulada “O Impacto das tecnoloxías da linguaxe nos ámbitos social e económico”. O relatorio principal versará sobre o Proxecto Nós, que impulsa a Xunta de Galicia e executa tecnicamente a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de introducir de pleno a lingua galega no mundo da Intelixencia Artificial. A exposición estará a cargo de Senén Barro e Elisa Fernández Rei, director e directora do CiTIUS e do Instituto da Lingua Galega (ILG), respectivamente.

O broche de ouro a estes dous días de convivencia porao unha visita cultural por Padrón, que inclúe as Fundacións Camilo José Cela e Rosalía de Castro, e Cambados.

Promoción da diversidade lingüística

A NPLD é unha organización de ámbito europeo que nace no 2008 para impulsar a cooperación e o intercambio mutuo de experiencias entre os seus socios, favorecer a promoción da diversidade lingüística na Unión Europea e servir de grupo de presión en materia de política lingüística nas institucións europeas.

Na actualidade está composta por 39 membros entre os que se inclúen institucións académicas, organismos gobernamentais e colectivos sociais dedicados á promoción social, o estudo e o ensino de linguas minoritarias de Europa.

R., 2024-04-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) A Xunta pon en marcha a Rede local polo clima para consolidar Galicia como unha comunidade resiliente tras reducir as súas emisións nun 60% desde 1990, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a xornada de presentación desta iniciativa. A conselleira salientou que 'somos a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (33%) desde 1990 e a segunda no que se refire ás brutas (59,8%)'.
Foto de la tercera plana (20240515-uvigo.jpg) Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.

Notas

O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade, tomando a ruta xacobea como fío condutor.
Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo), Plataforma. Festival de artes performativas celebrará a súa quinta edición en múltiples localizacións de Santiago de Compostela entre o 16 e o 25 deste mes de maio. Trátase dunha cita anual ineludible para os amantes da cultura e as artes, achegando diversos públicos coa súa proposta interdisciplinar.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES