Noticias

Galicia exhibe en California os avances en i+d+i aplicada ás tecnoloxías de sistemas non tripulados desenvolvidos no polo aeroespacial

O Polo Aeroespacial de Galicia participou esta semana en Xponential 2024, un dos eventos internacionais de referencia na industria dos vehículos e sistemas aéreos non tripulados que se celebrou no San Diego Convention Center, en San Diego, California, onde presentou os avances en I+D+i aplicada ás tecnoloxías dron desenvolvidos no marco da iniciativa. Galicia contou con espazo propio no pavillón de España, que compartiu co Consorcio Aeronáutico Galego, así como con empresas e centros de coñecemento do ecosistema como Avincis, Telespazio Ibérica, Centum Research & Technology, Sense Aeronautics (spin off de Gradiant), Lagos Experience & Solutions e ITG Drone Solutions, do Instituto Tecnolóxico de Galicia.

A presenza do Polo Aeroespacial de Galicia neste evento responde á estratexia de internacionalización da iniciativa, que ten por obxecto fomentar a participación das empresas galegas nas principais feiras do sector para explorar oportunidades de negocio en países con interese na compra de produtos, tecnoloxías e solucións desenvolvidas na Civil UAVs Initiative ou por outras empresas do eido aeronáutico e aeroespacial en Galicia; e fomentar así a internacionalización do sector, fundamentalmente das pemes, e a venda das tecnoloxías desenvolvidas.

Días de intensa actividade

Durante a celebración de Xponential o stand do ecosistema aeroespacial galego atendeu unha intensa axenda, na que recibiu en conxunto máis de 250 visitas e preto de 50 demostracións de interese.

Pola súa parte, a delegación da Administración galega visitou os espazos da feira dos Estados de Ohio, que ten unha iniciativa para un sandbox; Oklahoma, Nova York, que conta cunha zona de 50 millas para voos de proba; Virginia, Maryland, Michigan, Carolina do Norte, Oregón, Quebec e Alemania Trade & Invest. Tamén visitaron os espazos da NASA, da Federal Aviation Administration (FAA) e do National Center for Atmospheric Research, dos Estados Unidos.

Ademais de visitar stands de empresas e países de todo o mundo e de coñecer as últimas solucións tecnolóxicas no segmento dos drons, como pilas de combustible, fundamentalmente de hidróxeno, para propulsión; a delegación galega realizou unha visita ás instalacións de Boeing, socio estratéxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia, en Seattle.

R., 2024-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) A Xunta pon en marcha a Rede local polo clima para consolidar Galicia como unha comunidade resiliente tras reducir as súas emisións nun 60% desde 1990, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a xornada de presentación desta iniciativa. A conselleira salientou que 'somos a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (33%) desde 1990 e a segunda no que se refire ás brutas (59,8%)'.
Foto de la tercera plana (20240515-uvigo.jpg) Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.

Notas

Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo), Plataforma. Festival de artes performativas celebrará a súa quinta edición en múltiples localizacións de Santiago de Compostela entre o 16 e o 25 deste mes de maio. Trátase dunha cita anual ineludible para os amantes da cultura e as artes, achegando diversos públicos coa súa proposta interdisciplinar.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra están a desenvolver a quinta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o labor investigador que se leva a cabo en Galicia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES